Imputan un veciño de Portas por conducir baixo os efectos das drogas e co carné retirado
Por Redacción
A Garda Civil de Tráfico imputa a un veciño de Portas, M.D.A., de 49 anos de idade como suposto autor de dous delitos contra a seguridade vial, despois de que fose detectado conducindo un vehículo baixo os efectos de drogas e co permiso de conducir sen vixencia por perda de puntos.
O condutor foi identificado este luns 5 na estrada PO-531 (Pontevedra-Baión) no termo municipal de Barro, cando un destacamento do Subsector de Tráfico da Garda Civil acudiu a un accidente de circulación no que colisionaran dous turismos.
Ante as sospeitas de que o condutor, que fora responsable do accidente, puidese encontrarse baixo os efectos de substancias estupefacientes, solicitouse a presenza do Equipo de Atestados. Tras realizarlle a proba de detección de drogas comprobouse que o condutor daba resultado positivo e ademais se encontraba co permiso de conducir sen vixencia por perda total dos puntos asignados.
As dilixencias do caso foron trasladadas ao Xulgado de Instrución número dous de Caldas de Reis.