Mosquera asegura que as sentenzas en contra do Concello supoñen un aforro para os pontevedreses
Por Redacción
O concelleiro de Infraestructuras, César Mosquera, indicou que o Concello de Pontevedra aforra diñeiro grazas á última sentenza xudicial que obriga o Concello a pagar a Sercoysa un millón de euros por obras executadas a maiores na urbanización da área que ocupaba o antigo cuartel en Campolongo.
Segundo o concelleiro, o Concello aforra un millón de euros porque a petición inicial da empresa era de 1.500.000 euros mentres que agora, tendo en conta que hai obras de mellora que non se executaron, só teríanselle que pagar ao redor de 554.000 euros.
Neste sentido, Mosquera indicou que "se o concello se tivera plegado ás demandas da empresa pagaría millón e medio. O Concello dixo que non, propuxo un acordo de 400.000 euros e non quixo a empresa. E no mellor dos casos teremos que pagar medio millón e lle temos aforrado un millón aos cidadáns".
O edil insistiu en que "o Concello perde sentenzas porque non quere que os cidadáns paguen un euro máis do que está xustificado" e engadiu que o goberno local non se presta a certas chantaxes nin extorsións por parte das empresas construtoras ás que acusou de intentar gañar máis mediante preitos."Calquera das sentenzas que gañen é moito menos do que pretendían" e sinalou que estamos a aforrar moitos millóns aos cidadáns.
Desta forma, indicou que en casos como o do mercado no preito con Indeza aforraron 240 millóns de euros e 1.600.000 euros coa mesma empresa no Paseo de Colón.
César Mosquera indicou que non se ofrecera por parte do goberno local información deste último fallo xudicial, que se coñeceu a través do Partido Popular, porque "era moi complexo" e entoou o mea culpa. Indicou que ademais a sentenza "ten fallos de calado" e que xa está recorrida.