Lores presentará o modelo de cidade en Bruxelas, Roma e Florencia
Por Oskar Viéitez
Bruxelas, Roma e Florencia en cinco días. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, inicia este domingo un tour europeo para presentar o modelo de cidade en "importantes foros internacionais".
Segundo explicou este venres o concelleiro de infraestruturas, César Mosquera, a xira arranca este luns coa participación de Pontevedra no European Urban and Rexional Planning Awards. A cidade do Lérez é unha das 20 experiencias europeas seleccionadas.
A intervención do rexedor centrarase no aforro enerxético que supuxo o actual deseño urbano da cidade. Para iso apoiará o seu relatorio nun informe elaborado pola empresa Pettra que cifra en 2/3 o descenso das emisións de CO2 nos últimos quince anos na zona urbana.
"Pontevedra unha cittá a misura dei bambini" é o título da intervención que protagonizará o alcalde en Roma nunha conferencia que organiza o Instituto de Ciencias e Tecnoloxías Cognitivas de Italia, por proposta do pedagogo italiano Francesco Tonucci.
Finalmente o xoves o "sindaco" Fernández Lores intervirá nun congreso de mobilidade en Florencia para falar sobre peatonalización máis alá dos centros históricos cunha exposición titulada "The cities we want. The cities we make".
César Mosquera celebrou que Pontevedra sexa "un referente practicamente mundial" á luz do gran número de convites que recibe para participar en diferentes foros "dende logo podemos estar orgullosos", remachou.
Sobre as críticas da oposición ante o gasto que supoñen este tipo de viaxes do alcalde, César Mosquera afirmou que "custa o mínimo que pode custar", e asegurou que se asiste "aos mínimos sitios" valorando a importante proxección que supón para a cidade ademais de aproveitar a ocasión para "coller ideas e coñecer propostas para seguir mellorando a nosa cidade".