Detido tras roubar ameazando cunha xiringa e dicindo que tiña sida
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional da Comisaría Provincial de Pontevedra procederon á identificación e detención dun varón de 33 anos de idade, de nacionalidade romanesa, con domicilio en Pontevedra, con múltiples antecedentes policiais, como presunto autor dun delito de roubo con violencia.
Segundo informaron fontes oficiais da Comisaría de Pontevedra, os feitos sucederon o pasado día 29 do mes de abril, nun establecemento comercial, sito na rúa Rosalía de Castro, cando o citado individuo foi sorprendido polos empregados cando trataba de furtar diversos produtos, valorados en vintecinco euros. Requirido para que os devolvese procedeu a intimidalos exhibindo unha xiringa indicando que era portador da sida, suxeitando a continuación polo colo un dos empregados, para que os restantes non obstaculizasen a saída do local, e o que logo empurrou para fuxir do lugar.
A raíz da denuncia iniciáronse as investigacións para proceder á identificación, localización e detención do autor dos devanditos feitos.
Este xoves, sobre as 00.40 horas, o presunto autor do delito de roubo con violencia e intimidación foi localizado e detido nas inmediacións da Alameda.
Unha vez detido foi trasladado a dependencias policiais onde se tramitou o correspondente atestado e tras prestar declaración foi posto a disposición da Autoridade Xudicial.