Instalan dous lombos para reducir a velocidade do tráfico no centro de Ponte Caldelas
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Traballadores da empresa de mantemento da estrada autonómica PO-532 comezaron este martes a instalación de dous pasos de peóns elevados en Ponte Caldelas.
Estes lombos, pensados para reducir a velocidade do tráfico no centro da localidade, estanse a habilitar na céntrica Avenida de Pontevedra, un á entrada da zona urbana e outro na intersección coas rúas Brasil e Concepción Arenal.
A actuación na zona era unha vella demanda ao tratarse dun vial no que a velocidade dos vehículos en ocasións era elevada a pesar de ser un tramo urbano e contar cun tránsito elevado de peóns, pois nos arredores se sitúa a gardaría municipal, o CEIP Cordo Boullosa, o instituto ou un parque infantil.
Esta intalación de redutores de velocidade únese á realizada recentemente nas rúas da Ponte e López Boullosa aproveitando a reforma da estrada PO-255 que une Ponte Caldelas e Caritel.