Máis dunha trintena de locais participarán na nova edición de 'Sanxenxo Degusta Tapas'
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
"Un ano máis, os profesionais do municipio apostan por unha iniciativa que conta cun gran respaldo entre o público, tanto entre os veciños deste concello como entre os visitantes, e que constitúe unha excelente ocasión para mostrar o bo facer dos hostaleiros locais a través das súas propostas de cociña miúda", sinalou a concelleira delegada de Turismo, Almudena Aguín.
E é que tal e como confirmou a edila, son máis dunha trintena os establecementos que concorrerán á quinta edición de 'Sanxenxo DEgusta TAPAS', que se desenvolverá dende o 16 de maio ata o 15 de xuño.
"Entre os locais inscritos hai algúns que concorren por vez primeira a este certame aínda que a gran maioría repiten, feito que confirma o interese deste concurso, en canto ao beneficio económico que leva como á promoción que supón para o establecemento", comentou Aguín.
Este ano, os restaurantes, cafetarías ou bares que se sumen a esta acción promovida por Turismo de Sanxenxo presentarán un máximo de dúas elaboracións, coas que optarán a algún dos premios concedidos polo xurado popular e por un profesional.
Durante un mes, veciños e visitantes terán a oportunidade de degustar as propostas tanto tradicionais coma creativas, elaboradas con produtos autóctonos galegos, que se servirán a un prezo de 2 euros.
Ao igual que en anos anteriores, o público deberá visitar polo menos cinco establecementos para poder emitir o seu voto, o que lle permitirá optar aos diferentes regalos que se sortearán entre aquelas persoas que proben as tapas.
Para difundir este certame, a empresa mixta integrada polo Concello de Sanxenxo e o CETS levará a cabo diferentes accións de promoción nas redes sociais e na súa páxina web, ademais de editar folletos, carteis e 'degustamapas' que incluirá o listado de participantes e a súa localización. Paralelamente, a alcaldesa e presidenta de Turismo de Sanxenxo, Catalina González, presentará aos medios de comunicación os pratos que concursarán en 'Sanxenxo DEgusta TAPAS' durante un acto ao que asistirán os protagonistas desta iniciativa.