Un millar de empresas solicitan participar no plan de práctica laboral posto en marcha pola Deputación
Por Redacción
Un total de 987 empresas solicitaron participar no segundo Plan de Práctica Laboral posto en marcha pola Deputación de Pontevedra e que permitirá que entre 400 e 500 titulados universitarios e de ciclos superiores de FP poidan realizar prácticas nas áreas de coñecemento nas que se formaron.
Así o anunciou este venres en rolda de prensa o presidente da Deputación, Rafael Louzán, que incidiu en que se trata dunha liña de traballo que busca dous obxectivos fundamentais: por unha banda, axudar a fortalecer o tecido empresarial da provincia e, pola outra, dar unha oportunidade a mozos titulados que nunca antes tiveron ocasión de acceder ao mercado laboral.
Nos meses de maio e xuño procederase ao estudo das solicitudes presentadas polas empresas, comprobando a documentación e valorando as distintas propostas, co obxectivo de seleccionar as que finalmente participarán no programa e de definir o perfil de bolseiro que demandan, que na anterior edición do plan incluíu 113 titulacións.
Á hora de seleccionar as empresas se dará absoluta prioridade ás empresas que, cumprindo con todos os requisitos esixidos, ofrezan maiores garantías de consolidación do posto de traballo.
Unha vez seleccionadas e decidido o número de bolseiros que se lle adxudica, procederase á convocatoria das bolsas, que se realizará no mes de xullo.
Inicialmente, a Administración provincial convocará entre 400 e 500 bolsas de un ano de duración, pero non se descarta a posibilidade de incrementar este número en función da calidade dos proxectos presentados polas empresas e da demanda de bolsas que realicen os titulados.
500 BOLSEIROS NOS CONCELLOS
Rafael Louzán amosouse confiado en que este II Plan de Práctica Laboral en empresas resulte igual de exitoso que o anterior e que o posto en marcha no seu momento para prácticas na administración local.
En relación a este último, indicou que nestes meses estase a rematar a bolsa dos 500 mozos que participaron nesta primeira iniciativa e que desenvolven as súas prácticas en concellos da provincia e en diferentes departamentos da administración provincial cun elevado grao de satisfacción por todas as partes.