Detido na peaxe de Alba ao circular, drogado, a máis de 200 km/h
Por Redacción
Un coche "camuflado" do Destacamento de Tráfico de Pontevedra detectaba na tarde do venres á altura do quilómetro 98 da autoestrada AP-09 a circulación dun vehículo de forma temeraria, en sentido Tui. Trasladábase a unha velocidade de 200 km/h realizando bruscos adiantamentos sen sinalizar, algúns deles polo carril dereito, estando a punto de colisionar en varias ocasións contra outros usuarios.
Á altura da peaxe de Alba, os compoñentes doutra patrulla conseguiron parar o condutor do devandito vehículo comprobando que se trataba do turismo marca Hyundai, modelo I 30 coa numeración da placa matrícula posterior alterada con fita illante para dificultar a súa identificación.
O chofer de 41 anos, veciño da Guarda, botou resultado positivo na proba de drogas á que foi sometido, feito polo cal foi denunciado administrativamente. Impútaselle como autor de falsidade documental en placa de matrícula e delito contra a seguridade vial por conducir de forma manifestamente temeraria. Ademais, o condutor quebrantou a inmobilización do vehículo e, polo tanto, tamén se lle imputa unha falta de desobediencia.
As dilixencias foron entregadas no xulgado de instrución número 3 de Pontevedra para que o vindeiro mércores 21 se celebre o xuízo rápido.