A filla de Baltasar Garzón analizará en Pontevedra os procesos xudiciais contra seu pai
Por Redacción
María Garzón, a filla do xuíz Baltasar Garzón, inhabilitado polo Tribunal Supremo polas escoitas do caso Gürtel, visitará a cidade de Pontevedra da man da Universidade de Vigo e do Ateneo para impartir un ciclo de conferencias no que tentará achegar a realidade xudicial actual ao sistema educativo. Será os próximos 21 e 22 de novembro.
"ÿ unha actividade compartida co Ateneo que consolida a relación das dúas institucións", sinala Antonia Blanco, vicerreitora do campus de Pontevedra que considera "toda unha honra" acoller a visita dunha personalidade "que dada a súa xuventude pode empatizar moi ben co noso alumnado".
O mércores 21 de novembro ás 20 horas, María Garzón impartirá o seu primeiro relatorio na Sala Sargadelos. Cun enfoque "máis orientado á cidadanía", dará a coñecer a súa visión sobre os procesos xudiciais contra o xuíz Baltasar Garzón, ademais das repercusións en Galicia e na xurisdición universal das achegas de seu pai. Tamén aludirá aos dereitos humanos como base dunha xustiza humanitaria e presentará a Fundación Internacional Baltasar Garzón.
Será o xoves 22 de novembro cando visite o campus pontevedrés. Ás 12 horas manterá un encontro co alumnado no salón de graos Xan Bouzada da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, "unha exposición que queremos que sexa moi interactiva para espertar entre o estudantado unha conciencia xudicial, de que a xustiza é algo vivo e na que hai que participar", aclara a vicerreitora, e na que deben xogar "un papel fundamental" facultades e centros educativos en xeral.