De Madrid a O Grove con 15 quilos de coca no maleteiro
Por Natalia Puga
A Policía Nacional interceptó na AP-9 na peaxe de Vilaboa a un vehículo que ocultaba 15 quilos de cocaína nun dobre fondo do maleteiro.
O coche partira de Madrid e tiña como destino final O Grove. Antes de chegar, foi detido nunha peaxe da AP-9 xunto a outro automóbil que realizaba labores de lanzadeira para alertar da presenza policial, segundo informou a Policía Nacional.
Hai tres detidos que distribuían a droga por diferentes puntos de España. Nos dous rexistros realizados interviñéronse outros preto de 14 quilos do mesmo estupefaciente en paquetes dun quilogramo e con logotipos de dólar e de paz imprimidos para diferenciar a calidade destes.
Ademais, incautouse un vehículo de alta gama, unha motocicleta de gran cilindrada, diversas escrituras de propiedade de inmobles repartidos por todo o país, así como documentación manuscrita na que se preparaba a introdución en España dun colector con clorhidrato de cocaína.
A operación foi levada a cabo polo Grupo Especial Contra o Crime Organizado (GRECO) de Eivissa e Galicia e (con sede en Pontevedra) e a Brigada Central de Estupefacientes, dependente da UDYCO Central da Comisaría Xeral de Policía Xudicial.
Unha investigación que comezou ao detectar introdución de cocaína en locais nocturnos de Ibiza no verán
A investigación iniciouse tras detectar unha importante vía de introdución de cocaína en Ibiza durante a época estival, que era subministrada nos locais de ocio nocturno e derivou na detención dun individuo. A través desta detención as pescudas centráronse en dous homes que o abastecían de droga.
Os investigados posuían antecedentes por tráfico de estupefacientes e levaban un elevado nivel de vida nunha urbanización de luxo aos arredores de Madrid. Ademais conducían vehículos de alta gama, a nome de terceiras persoas e utilizaban homes de palla para ocultar as súas propiedades.
Utilizaban múltiples medidas de seguridade para evitar ser descubertos como a utilización de terminais telefónicos estancos que cambiaban semanalmente. Ademais, contaban cunha terceira persoa encargada da entrega da substancia estupefaciente, unha vez negociada a partida, no punto convido.