Un mozo falece tras a colisión entre un turismo e un camión na ponte da Illa de Arousa
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Un mozo resultou falecido a primeira hora da tarde deste xoves como consecuencia dun aparatoso accidente de tráfico rexistrado no medio da ponte que une A Illa de Arousa con Vilanova. Trátase do veciño da Illa Cristian N.G., de 21 anos.
O sinistro consistiu na colisión entre un turismo e un camión que transportaba area. Por motivos que se descoñecen, chocaron no medio da ponte, na estrada PO-307, e o condutor e único ocupante do turismo quedou atrapado no interior deste e resultou falecido.
O corpo da vítima tivo que ser excarcerado por efectivos dos Bombeiros do Salnés mentres a Garda Civil de Tráfico regulou a circulación nos accesos á ponte. O coche quedou practicamente encaixado debaixo do camión.
O sinistro produciuse ás 15.52 horas e a ponte permaneceu cortada ata arredor das 18.00 horas. No sinistro tamén interviñeron efectivos das agrupacións de Protección Civil de Vilanova de Arousa e Cambados e o 061, que enviou ao lugar un helicóptero e unha ambulancia.
Segundo informou o 112, un particular contactou co CAE 112 Galicia para pedir axuda. Tamén foron necesarios os servizos de limpeza e mantemento da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas polos restos do accidente que quedaron na vía.