DGT e Policía Local reforzarán a seguridade vial nas vías urbanas
Por Redacción
O subdelegado do Goberno, Antonio Coello Bufill, acompañado polo xefe provincial de Tráfico, Mª Isabel Alonso de Linaje Calzada, presentou este xoves en Pontevedra o primeiro dos encontros que manterán cos representantes dos concellos da provincia co obxectivo de xuntar esforzos en pro da seguridade vial no ámbito urbano.
Tal e como explicou o subdelegado, o encontro pretende implementar a coordinación entre administracións, ao tempo que se quere incidir na seguridade vial no ámbito urbano, dado que os accidentes con vítimas en zona urbana seguen representando unha importante porcentaxe. Segundo os datos publicados no documento das Principais Cifras da Sinestralidade Vial 2012, en Pontevedra, as vías urbanas rexistraron o 13,64% do total de accidentes en 2012 e o 26,92% das vítimas mortais.
A esta primeira reunión estaban convocados representantes dos 39 concellos da provincia que teñen Policía Local: Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas do Morrazo, A Cañiza, Cuntis, A Estrada, A Guarda, Gondomar, O Grove, A Illa de Arousa, Lalín, Marín, Meaño, Moaña, Mondariz, Mos, As Neves, Nigrán, Poio, Ponteareas, Pontecaldelas, Pontevedra, O Porriño, Redondela, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vigo, Vila de Cruces, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.
O Estado considera que o traballo nos núcleos urbanos pode redundar en importantes beneficios a curto e medio prazo, pero para el é imprescindible a colaboración das autoridades locais competentes na materia, de aí o interese en poñer en marcha xornadas formativas cos concellos.
Ademais dos datos de accidentalidade, o xefe provincial de Tráfico deu a coñecer os representantes municipais a posibilidade de intercambiar datos coa DGT para poñer en marcha medidas encamiñadas a reducir a sinestralidade nas vías urbanas. Entre esas accións que os concellos poden levar a cabo destacan a mellora na recollida de información en materia de accidentes, a avaliación dos sinistros no territorio, a posibilidade de intervir con modificacións estruturais de baixo custo para segregar os diferentes tipos de tráfico, promovendo a implantación dos plans de seguridade vial ou, por exemplo, de camiños escolares seguros.
Mencionouse tamén o uso de medidas telemáticas de control de tráfico, a adhesión ás campañas de seguridade vial que programa a DGT ou a inclusión de aspectos ligados á mobilidade segura nas actividades formativas que programe o municipio.