Cor nos escaparates con Ponte en Nadal
Por Redacción
Ata o venres 23 de novembro estará aberto o prazo de inscrición para participar no certame Ponte en Nadal, un concurso de escaparates que se celebra por segundo ano no centro histórico.
Entre o 30 de novembro e o sábado 15 desenvolverase este evento presentado no Concello de Pontevedra e que promove a Concellería de Promoción Económica, Emprego e Turismo coa colaboración do Centro Comercial Urbano Zona Monumental e a asociación empresarial Aempe.
A Concelleira Carlota Román explicou que este concurso se desenvolve despois do éxito do celebrado en primavera, Ponte en flor, e destacou a necesidade de impulsar actividades que dinamicen o comercio neste momento de crise. Ademais, subliñou a importancia que os escaparates adquiren nunha cidade como Pontevedra que aposta polo peón.
As bases do certame establecen que a decoración inclúa motivos relacionados co Nadal pero con liberdade de estilo.
Os tres premios son de 500, 300 e 200 euros e os clientes dos comercios participantes teñen opción a cubrir unha papeleta entre as que se sortearán dez cheques-compra por valor de 20 euros para consumir en establecementos adheridos á Zona Monumental e Aempe.