Detidos dous ladróns moi espelidos: rouban en 34 coches en 11 días
Por Natalia Puga
Nun descampado da rúa Filgueira Valverde e en garaxes comunitarios de Perfecto Feijoo, Andrés Muruais, Pintor Laxeiro, Peregrina, Fray Juan de Navarrete, Eduardo Pondal e Alfonso XIII. En todos estes lugares actuaron con once días de diferenza, entre o 2 e o 13 de novembro, dous mozos pontevedreses. En todos eles roubaron en 34 coches.
Estes ladróns tan espelidos e activos, ambos os dous de orixe marroquí, remataron detidos pola Policía Nacional e postos a disposición do Xulgado de Garda como presuntos autores de múltiples delitos de roubo con forza. Teñen 22 e 19 anos e un deles xa tiña antecedentes policiais.
Fontes policiais confirmaron que se está a investigar se estes mesmos individuos foron os responsables de máis roubos. En concreto, dos realizados en entre 16 e 18 vehículos nun garaxe das rúas Palamios e Rosalía de Castro na noite deste mércores 14 de novembro.
A primeira fornada de roubos da que tivo constancia a Policía Nacional produciuse o 2 de novembro. Varias persoas presentaron denuncia na Comisaría Provincial como vítimas de roubos con forza no interior de varios vehículos estacionados nun descampado da rúa Filgueira Valverde. En todos os casos, tras fracturar algunha das xanelas, teríanse apoderado dos obxectos presentes no interior dos vehículos afectados.
A partir dese día, e ata o 13 de novembro, fóronse recibindo novas denuncias de coches que estaban aparcados no citado descampado e doutros estacioandos en diferentes garaxes comunitarios das rúas Perfecto Feijoo, Andrés Muruais, Pintor Laxeiro, Peregrina, Fray Juan de Navarrete, Eduardo Pondal e Alfonso XIII.
Na madrugada do 13 de novembro, tívose o seguinte rastro dos supostos ladróns. Sobre as 2.15 horas unha patrulla policial identificou dous individuos na rúa Amado Carballo e realizoulles un cacheo superficial no que se interviñeron varios obxectos.
Tras seguir a pista destes obxectivos intervidos, comprobaron que había un mando a distancia de garaxe que un veciño denunciou ao día seguinte como subtraído do interior dun dos vehículos dos garaxes afectados. Acabaron determinando que poderían ser os autores de todos os roubos referidos.
Na madrugada do 14 de novembro os axentes interceptaron un destes individuos en actitude sospeitosa no medio de varios vehículos nas inmediacións do seu domicilio. Ao decatarse da presenza policial intentou acubillarse entre dous coches, pero acabaron deténdoo. Á mañá seguinte, sobre as 11.40 horas da mañá, detiveron o outro.