A Fiscalía presentará unha querela pola investigación na que se implica a Louzán, a súa esposa e un deputado
Por Redacción
A Fiscalía de Pontevedra presentará finalmente unha querela ante o xulgado a raíz da investigación aberta ao presidente da Deputación Provincial e do PP de Pontevedra, Rafael Louzán; a súa esposa; e o deputado provincial Severino Reguera polos supostos sobreprezos nos alugueres duns locais comerciais en Navia (Vigo).
A Xunta de Fiscais de Pontevedra acordou o venres 28 de marzo continuar coa investigación e este luns o fiscal xefe, Juan Carlos Aladro, confirmou a remisión dun decreto ao xulgado para que investigue o caso. Incidiu en que, por cuestión de prazos, a Fiscalía xa non pode seguir investigando sen remitir a un xuíz as dilixencias informativas abertas.
Fontes oficiais da Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) explicaron que os fiscais pontevedreses se debatían entre remitir ao xulgado unha denuncia ou unha querela e a última hora da mañá deste luns un voceiro confirmou que o que presentará finalmente será unha querela.
Este luns as dilixencias aínda non foran remitidas ao xulgado, pero farase nos próximos días
A decisión adoptárona todos os integrantes da Xunta de Fiscais de Pontevedra, pero quen a concretará será o especialista de Delitos Económicos, Augusto Santaló. Confirmou que este luns non podería presentala, pero si se fará ao longo dos próximos días. Remitirase a querela e todas as dilixencias efectuadas ata o momento pola Fiscalía a raíz dunha denuncia presentada por un cidadán no ano 2013.
Ao respecto, fontes da Deputación Provincial consultadas sinalaron que Louzán aínda "non ten notificación oficial" da decisión dos fiscais pontevedreses e insistiron en que, pola información que teñen, o caso ten que ser remitido ao xulgado e non pode seguir sendo investigado pola Fiscalía por unha cuestión de prazos.
Santaló indicou que a querela irá dirixida contra as tres persoas que se investigou e que se formulará por un delito de suborno impropio. Tanto el coma Aladro sinalaron que na documentación que se remita ao xulgado se incluirá a petición de que o xuíz sobre o que recaia o caso ordene novas dilixencias de investigación.
Unha desas dilixencias será, segundo indicou Augusto Santaló, chamar a declarar en calidade de imputados a Louzán, a súa esposa (cotitular dos baixos comerciais investigados) e Severino Reguera, deputado de Pazos de Borbén. Os tres foron citados xa en calidade de investigados ante o fiscal de Delitos Económicos no edificio xudicial da Parda a principios de marzo e ningún quixo declarar.
Tras este trámite da Fiscalía, a querela será remitida ao Decanato dos xulgados (non transcendeu se compete aos de Vigo ou aos de Pontevedra) e de aí recaerá nun órgano en concreto. Será o xuíz ao que toque por repartición o que decida se admite esta querela formulada ou ordena o arquivo da causa.
O caso derívase dunha denuncia anónima presentada tras facerse pública a declaración de bens patrimoniais dos deputados provinciais, e que relaciona Rafael Louzán e a súa muller co cobramento dun prezo de aluguer de baixos comerciais moi por enriba do estipulado para outros inmobles similares nesa zona de Navia na cidade viguesa. O deputado 'popular' Severino Reguera é quen ten arrendados eses locais.