A protesta-bloqueo das cabinas de peaxe en Campañó a penas provoca retencións de tráfico
Por Redacción
A protesta organizada dende o BNG baixo o lema 'Galiza sen peaxe' apenas tivo repercusión no tráfico da autoestrada ao seu paso por Pontevedra a pesar de que ao redor de vinte coches intentaron provocar un bloqueo das cabinas pagando o prezo da peaxe con céntimos de euro.
A concesionaria da autoestrada Audasa mantivo abertas todas as cabinas e, aínda que se produciron pequenas retencións de vehículos que se viron obrigados a agardar ao final da protesta, non se produciron incidentes.
Este acto reivindicativo ten como obxectivo conxelar os prezos actuais das peaxes, obrigar ao cumprimento estrito dos compromisos das concesionarias en relación á calidade do servizo e iniciar un proceso de rescate público das autoestradas que teña como punto final a súa integración dentro da rede viaria galega. Dende o BNG entenden que ese paso sería a única opción para obter a gratuidade destas vías, obxectivo final desta campaña de protesta.
Audasa conta cunha concesión da AP-9 ata 2048. O tramo entre Pontevedra e Vigo ten un prezo de 3,65 euros mentres que a viaxe dende a capital do Lérez a Santiago se sitúa en 5,40 euros.