Medio Ambiente insta a Sanxenxo a construír un novo dique para rexenerar a praia de Carabuxeira
Por Redacción
O Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente autorizou á sociedade municipal Nauta Sanxenxo, encargada da xestión do Porto Deportivo Juan Carlos I, a iniciar as obras para rexenerar a praia de Carabuxeira de Sanxenxo. Para desenvolver estas obras terá que seguir o proxecto básico que presentou a alcaldesa da vila, Catalina González, en Madrid en xuño de 2012.
Unha vez que se realicen eses traballos, Medio Ambiente devolvería o aval bancario de 901.518 euros, unha garantía que foi depositada pola empresa pública Nauta Sanxenxo para responder aos posibles danos que podería causar a construción do porto no dominio marítimo-terrestre próximo ás instalacións.
O Ministerio de Medio Ambiente apunta á necesidade de que no proxecto se inclúa outro dique de apoio na parte oeste para compensar a oblicuidade da ondada e para apoiar o perfil da praia. Segundo o escrito remitido polo director xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar, sen o dique "escaparíase a area polo seu pé cara ao interior do porto".
O Concello de Sanxenxo ten previsto construír un espigón rampla formado por bloques prefabricados de formigón que se irá adaptando á topografía descendendo de cota ata entroncar cos baixos rochosos. O espigón estará recuberto de cachotaría de pedra para preservar a harmonía cos fondos.
Ademais, o plan contempla depositar 18.000 metros cúbicos de area fina para garantir un ancho medio de 30 metros na praia de Carabuxeira.