AGE esixe a Cuca que "repoña as obreiras nos seus postos da factoría de Vilaxoán"
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Alternativa Galega de Esquerda (AGE) apoia todas e cada unha das accións das traballadoras da conserveira Cuca en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa) en defensa dun traballo digno e anunciou que "esiximos que a dirección da empresa aplique inmediatamente a sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia" e "repoña as obreiras nos seus postos da factoría de Vilaxoán".
Así o manifestaron este luns o portavoz de AGE, Xosé Manuel Beiras, e o deputado de Vilagarcía Juan Fajardo logo de reunirse coas traballadoras de Cuca. Denunciaron que coa "absoluta complicidade" da Xunta de Galicia de Alberto Núñez Feijóo a propiedade de Cuca fai que oitenta empregadas fichen cada día en Vilaxoán e viaxen logo a traballar a O Grove.
"Isto é unha burla ao Estado de dereito. A compañía non aplica a legalidade e ademais acosa e persegue ás traballadoras que se negan a aceptar esta situación", sinalou Juan Fajardo.
AGE estará presente na manifestación organizada polas "vítimas do acoso patronal" o vindeiro 12 de abril en Vilagarcía de Arousa e Juan Fajardo anuncia que "rexistraremos iniciativas parlamentarias e faremos porque a voz das traballadoras de Cuca estea presente en Europa".
Para o deputado, é "impresentábel" a actitude do Goberno galego neste conflito: "Só a complicidade da Xunta do PP explica que a dirección de Cuca se permita non aplicar a sentencia do Tribunal Superior".