Estudan o soterramento da alta tensión no concello de Campolameiro
Por Redacción
O xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial, visitou o concello de Campolameiro para analizar co alcalde do municipio, Julio Sayáns, a posibilidade de soterramento da liña de alta tensión que rodea a casa consistorial.
Durante a visita, o responsable da Xefatura Territorial recolleu a demanda do alcalde do municipio e ambos visitaron o contorno da Casa do Concello para comprobar as necesidades reais deste soterramento.
A axuda, segundo apuntou o rexedor, roldaría os 100.000 euros e suporía o retranqueo dun centro de transformación e o soterramento da liña de alta tensión que atravesa o entorno da Casa do Concello.
O alcalde da localidade destacou a importancia que para o municipio tivo a reforma da casa do concello e a súa ampliación, o que tamén implicou o acondicionamento e a posta en valor dos espazos que o rodean, coa intención de crear un conxunto urbano de uso peonil.
A obra que hoxe solicitamos, asegurou Sayáns, axudará a mellorar este entorno que xa foi rehabilitado grazas a un proxecto abalado pola Consellería de Economía e Industria.