A CIG denuncia insultos e ameazas do dono da residencia Valle Inclán aos traballadores
Por Redacción
Traballadores da residencia Valle Inclán de Vilanova de Arousa e delegados da CIG concentráronse ao mediodía deste martes 18 de marzo ante as portas deste centro de traballo coa intención de reclamar o cumprimento das sentenzas que, segundo o sindicato, obrigan a readmitir 19 das persoas que foron despedidas.
Segundo denuncian dende a central nacionalista, o empresario propietario da residencia Francisco Rodríguez Janeiro dirixiuse aos manifestantes con insultos e ameazas, realizando varios cortes de manga.
Os momentos de tensión producíronse mentres os afectados mostraban as sentenzas favorables coa intención de que lles permitise acceder ao centro de traballo.
Ante esta situación, o propietario decidiu chamar a Garda Civil que indicaron aos traballadores que non podían acceder ao edificio.
RECLAMAN Á XUNTA DE GALICIA MANTER OS POSTOS DE TRABALLO
O responsable da CIG-Salnés, Xoán Xosé Bouzas, reclama á Xunta que garanta que a nova empresa que consiga a xestión do centro manteña todos os postos de traballo e a totalidade das prazas que na actualidade oferta a residencia.
Ademais reclama ao Xulgado do Social e á Fiscalía que obriguen a que se cumpran as sentenzas xudiciais que establecen a readmisión destes traballadores.