Denuncian despedimentos de representantes sindicais no Centro da 3ª idade de Vilanova de Arousa
Por Anxo Lourido
Un grupo de traballadores da Residencia da 3ª idade Val-Inclán de Vilanova de Arousa concentráronse ante a Deputación de Pontevedra para denunciar a situación que están a sufrir no centro dende a chegada á xerencia de Enrique Martínez.
Segundo denuncian os responsables dos sindicatos UGT, CIG e Comisións Obreiras, o novo dirixente chegou ao cargo e as súas propostas se centraron en rebaixar os soldos, cambiar as quendas de traballo, mover horarios e despedir persoal provocando tensión laboral entre o equipo formado por 90 traballadores que atenden a 150 residentes.
Xoán Bouzas da CIG indicaba que nos últimos tres meses se produciron 22 despedimentos de persoal afiliado ás centrais sindicais ou que realizara reivindicacións laborais.
Ante esta situación, os traballadores iniciaron un calendario de protestas e de reunións con representantes das distintas administracións. O 27 de agosto reuniranse coa conselleira de Traballo e hoxe solicitaron unha entrevista co presidente da Deputación.
Bouzas indicou que o alcalde de Vilanova de Arousa "non quere saber nada do tema" e acusa o Partido Popular de ser quen situou o xerente nese posto. Denuncian que Enrique Martínez se nega a manter reunións cos empregados e os representantes sindicais indican que "isto é unha trangallada. A Residencia irá ao caldeiro. Está despedindo a todo ou persoal e non ten nin idea de xestión de empresas".
Durante este venres, unha representación dos traballadores concentráronse durante media hora ante a Deputación Provincial para reclamar a readmisión do persoal despedido.