A Sociedade Xitana de Galicia denuncia abuso dos concellos no cobramento aos vendedores ambulantes
Por Redacción
A Sociedade Xitana en Galicia trasladou as denuncias de vendedores ambulantes que esta recibindo "nos últimos meses" nas que denuncian que "os concellos están a expulsalos dos seus postos de traballo por non pagar as taxas municipais por montaxe dos postos".
Esta Sociedade é unha federación de organizacións sociais e empresariais dentro da que está incluída a Asociación de Empresarios e Comerciantes Ambulantes de Galicia que, á súa vez, agrupa a diversas cooperativas de traballo asociado e agrupacións de vendedores ambulantes.
Nun comunicado, a Sociedade Xitana asegura que estas "expulsións" de vendedores ambulantes "están carrexándonos uns prexuízos claves e case irreversibles para economías familiares de persoas pertencentes a colectivos de exclusión social e que desgraciadamente teñen como única fonte de ingresos traballar nas feiras e mercados".
"Os concellos están a cobrar taxas ilegais aos vendedores ambulantes xa que a taxa que cobran é por ocupación do posto e non obstante están a facturar trimestralmente e nalgúns casos anualmente, montes ou non, ou o que é o mesmo, traballes ou non", afirma o comunicado.
"Os concellos queren cobrar a estes vendedores a pesar de non poder traballar nin un só día"
Este colectivo, que preside Sinaí Giménez, afirma que "a gota que encheu o vaso" foi que os últimos 3 meses (decembro, xaneiro e febreiro), os vendedores ambulantes non puideron traballar por temporais e fortes chuvias e non obstante, os concellos "queren cobrar a estes vendedores a pesar de non poder traballar nin un só día".
"Algúns destes concellos ameazaban os vendedores ambulantes de que se non pagaban, perderían o posto quedando sen traballo, e algunhas destas ameazas nas últimas semanas, cumpríronse", apuntan dende a Sociedade Xitana de Galicia.
Os vendedores ambulantes, a través desta asociación solicitaron reunións coa Dirección Xeral de Comercio, coa FEGAMP, co valedor do Pobo e cos distintos grupos parlamentarios para que se elabore unha ordenanza marco de venda ambulante en esixen que se inclúa a "fórmula legal" de cobramento por día traballado e non por ano adiantado como está a acontecer a día de hoxe.
"Os vendedores ambulantes non reciben ningún tipo de axuda das administracións como acontece por exemplo no caso da pesca cando están na veda ou cando non poden pescar por calquera motivo alleo á súa vontade ou como acontece coa industria gandeira. Non obstante, aos vendedores ambulantes, non nos axudan senón que prexudícannos e discrimínannos claramente e en ocasións cando imos reclamar calquera causa nos tratan mal", afirman.
Os vendedores ambulantes están a levar a cabo unha campaña de recollida de firmas por toda Galicia e non descartan "mobilizacións contundentes" para reclamar as súas reivindicacións "día traballado, día cobrado".