Comuneiros e políticos buscarán solución aos danos provocados por cabalos salvaxes en Santomé
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/50d07c27453c7-100_0863.jpg)
CC BY-NC-SA Plataforma Defende o Monte Pituco
Representantes das consellarías de Medio Rural e Medio Ambiente da Xunta de Galicia, a Comunidade de Montes de Santomé e os portavoces de todos os partidos políticos con representación na Corporación de Marín reuniranse para analizar a situación causada pola presenza de cabalos ceibes nas fincas da parroquia e buscar unha alternativa que evite os danos que causan estes animais nos cultivos da zona.
Así se acordou no último Pleno da Corporación de Marín a raíz dunha moción urxente presentada polo grupo municipal do BNG para solicitar que se convocase esta reunión "á maior brevidade".
Unha vez aprobada a moción, os nacionalistas esperan que o goberno local "non se durma" e se convoque a reunión canto antes: "ÿ preciso que entre a Xunta e o Concello arbitren canto antes medidas para evitar danos. En poucas semanas as fincas volverán estar expostas a que os cabalos estraguen os cultivos de millo e outras plantacións que se sementan agora", precisa o concelleiro Xosé María Vilaboa.
O concelleiro nacionalista explica que os veciños xa se dirixiron ao Goberno local en varias ocasións, pero non recibiron resposta, polo tanto consideran que "o máis factible é convocar as administracións competentes para que deixen de pasarse a pelota do problema entre elas e asuman que hai que darlle unha solución" tanto aos propietarios das fincas como aos propios comuneiros que ven como o gando mostrenco destrúe os seus cultivos e as súas plantacións "ante a pasividade das administracións e irresponsabilidade dos donos dos cabalos".
"Os donos teñen obriga de ter o gando identificado e de facerse cargo dos cabalos e dos danos que produzan, pero se non se fan responsables debe ser a administración a que actúe, dende o Concello non se pode mirar para outro lado. ", engade o concelleiro do BNG.