O Porto de Marín desata unha guerra de prezos no transporte de aeroxeradores
Por Oskar Viéitez
Os estibadores do Porto de Marín son un 30% máis baratos que en Vigo o que provocou no último ano un crecemento dun 40% no transporte e a estiba de aeroxeradores, segundo datos da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra.
Este crecemento supuxo unha mingua no tráfico do Porto de Vigo o que provocou o malestar dalgúns axentes como Logidigal, unha agrupación de interese económico que representa a distintos sectores vinculados á actividade portuaria, que pretende renegociar os prezos que lles cobra o porto vigués.
O presidente da Autoridade Portuaria de Marín, José Benito Suárez Costa, eludiu valorar esta polémica suscitada polos estibadores vigueses e preferiu mostrar a súa satisfacción pola confianza mostrada por numerosas empresas internacionais para distribuír dende a rada pontevedresa chapa de aceiro en bobinas, procedente de Europa e que se distribúe dende por toda a Península.
A inclusión do Porto de Marín na Rede Ibérica do Aceiro permitiu multiplicar por tres este tipo de mercadorías. Gran parte deste mérito débese á presenza en Marín da nave principal de Gonvarri en Galicia, que subministra á industria auxiliar do automóbil.
A empresa española Gonvarri é tamén propietaria da galega Ganomagoga e de Gestamp Wind, fabricantes de aeroxeradores que precisamente elixiron como basee o porto de Marín.