O Porto de Marín supera o millón de toneladas de mercadoría xeral en 2012
Por Redacción
O movemento de mercadoría xeral no Porto de Marín superou durante 2012 o millón de toneladas, representando xa o 57% do volume total de tráfico que se move nos peiraos marinenses. O crecemento da mercadoría xeral supón case un 10% con respecto ao movemento do ano 2011. Os maiores aumentos dentro desta mercadoría corresponden á froita e hortalizas, ás bobinas de chapa de aceiro e aos compoñentes de xeradores eólicos.
En froita duplicáronse as toneladas recibidas e Marín afianzouse durante 2012 como un centro loxístico de recepción e distribución destes produtos. Actualmente recíbense varias liñas procedentes de Sudamérica, para as que Marín é o primeiro porto de escala en Europa.
Con respecto aos produtos siderúrxicos, o crecemento sitúase no 54%. O Porto recibe con regularidade buques con bobinas de chapa de aceiro que se distribúen dende Marín por ferrocarril a diferentes puntos da Península e Portugal, fundamentalmente para a industria da automoción. Trátase dun tráfico que require unha operativa delicada.
Pola súa banda, no sector dos compoñentes eólicos, Marín rexistrou en 2012 un incremento do 39,73% con respecto ao ano anterior.