Deteñen un pontevedrés por oito roubos en establecementos de hostalaría
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional detiveron un home de 37 anos de idade, con domicilio en Pontevedra, con antecedentes policiais, como presunto autor de ata oito delitos de roubo con forza en establecementos de hostalaría da cidade.
O 22 de febreiro presentaba denuncia nestas dependencias o propietario dun establecemento hostaleiro onde ao parecer tras fracturar o cristal da porta de acceso terían accedido a interior e subtraído a caixa rexistradora en cuxo interior había 1.000 euros.
A raíz da denuncia iniciáronse as investigacións para descubrir a identidade do presunto autor do roubo da caixa rexistradora que foi localizado o día 10 de marzo ás 10.40 horas da mañá.
Os axentes procederon á súa detención por un delito de roubo con forza.
Dende a Comisaría Provincial sinalan que dende había algúns meses se viñan cometendo varios roubos con forza en diferentes establecementos de hostalaría por parte dun individuo que sempre utilizaba o mesmo "modus operandi".
Tras forzar a porta de entrada apoderábase da recadación das máquinas comecartos, a caixa rexistradora e nalgúns casos subtraía tamén bebidas alcohólicas e tabaco.
O día 9 de xaneiro o propietario dun bar da cidade denunciaba a subtracción da recadación da máquina comecartos e a máquina de tabaco.
O encargado dun bar situado nun auto lavado chegou a denunciar ata en catro ocasións o roubo con forza no interior deste, tras forzar a porta de acceso, apoderándose de 500 euros da máquina de tabaco nunha ocasión, a recadación da máquina comecartos noutra, e da comecartos e a mesa de billar outra vez.
Por todo iso os axentes procederon á súa detención polos delitos de roubo con forza nos diferentes establecementos. Tras tramitarse o correspondente atestado policial, o detido foi posto a disposición da Autoridade Xudicial que xa o deixou en liberdade.