Previr o abuso sexual infantil, obxectivo dun seminario na Facultade de Ciencias da Educación
Por Redacción
A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra debaterá o próximo día 25 de marzo sobre a prevención do abuso infantil, unha problemática que, según o Consello Europeo, afecta ao 20% dos nenos no Vello Continente.
Por ese motivo organízase a xornada, ante "unha problemática sobre a que a sociedade non está o suficientemente informada e sensibilizada, xa que en ocasións mesmo se ten chegado a ocultar a existencia de casos de maltrato ou abuso", segundo sinala a decana Francisca Fariña.
O obxectivo do seminario, enmarcado dentro da campaña Un de cada cinco, é fomentar a concienciación do alumnado e dos profesionais coa intención de contribuír na creación dunha rede de prevención que permita combater o maltrato e abuso infantil.
Aínda que a xornada está aberta a toda a cidadanía, está especialmente destinada á formación de mediadores, con especial atención ao papel do profesorado, polo que a decana de Ciencias da Educación entende moi importante o seminario para os alumnos da facultade "que no seu futuro como mestres serán os profesionais que máis tempo pasen en contacto cos nenos e nenas, polo que é importante que dispoñan dos coñecementos necesarios para poder detectar e prever o maltrato na infancia".
O seminario está organizado pola Vicerrectoría do campus de Pontevedra e a Federación de Asociacións para a Prevención do Maltrato Infantil (Fapmi) e a entrada será de balde, tendo que realizarse a inscrición a través do correo electrónico vic.pon@uvigo.es indicando nome, apelidos, DNI e teléfono de contacto.