Unha mesa redonda, un manifesto e un documental para subliñar os dereitos das mulleres
Por Redacción
O Concello de Pontevedra desenvolve esta semana tres actividades baixo o lema 'Menos dereitos, máis amarguras' para conmemorar o Día da Muller que se van desenvolver entre a Casa das Campás e o Teatro Principal dende o martes 11 ata o xoves 13.
A concelleira Carmen Fouces presentou este programa que se iniciará o martes 11 cunha mesa redonda co título 'Análise dos cambios lexislativos actuais e os seus efectos sobre as mulleres' debaterase o "retroceso lexislativo que se está a sufrir" nos últimos anos. O acto contará coa participación de Alba Nogueira, profesora de dereito administrativo da Universidade de Santiago e do economista Xabier Pérez Davila.
O mércores 12 no Teatro Principal, os estudantes dos institutos que participaron no Club de Debate deste ano lerán o manifesto dedicado á muller, que eles mesmos elaboraron. O acto contará cunha actuación musical a cargo do Coro da Rá.
E as xornadas finalizarán o xoves 13 coa proxección do documental Doli, Doli Doli na Casa das Campás, un traballo que mostra a folga conservera na Illa de Arousa durante o ano 1989. Acudirá a directora Uqui Permuy que participará nun debate tras o pase da película sobre a situación laboral da muller.
Todos os actos comezarán ás 20.00 horas.