Un único acertante de Sanxenxo gaña 1,1 millóns de euros en 'La Primitiva'
Por Oskar Viéitez
Non se fala doutra cousa este venres en Sanxenxo: o sorteo de 'La Primitiva' celebrado o xoves deixou na localidade un total de 1,1 millóns de euros.
Será un veciño da vila? Tal vez un turista de paso. Por agora descoñécese a identidade da persoa titular deste boleto que afrontará o mes de setembro sen abafos de diñeiro.
Segundo informou Loterías y Apuestas del Estado, a persoa dona dun boleto de 'La Primitiva' validado na Administración de Loterías número 1, situada en Rúa de Madrid, percibirá un total de 1.104.956,23 euros ao ser o único acertante do sorteo.
A combinación gañadora é a formada polos números 1, 9, 13, 18, 26 e 48. Tendo, como número complementario o 23, reintegro o 6 e o Joker, 1686669.
O premio podería ascender a 5 millóns de euros se acertase tamén o reintegro, debido a que se levou o bote.