Localizan un condutor que fuxiu despois de chocar cun coche aparcado en Marín
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Axentes da Policía Local de Marín lograron identificar e localizar este sábado un condutor que de madrugada supostamente protagonizara un accidente con fuga. Trátase dun mozo de 31 anos veciño do municipio e recoñeceu os feitos.
Os feitos aconteceron arredor das 4.00 horas da madrugada, cando o mozo, M.J.M., conducía un turismo Seat Ibiza e, por motivos que se descoñecen, encaixouse contra un coche Opel Astra que estaba aparcado enriba da beirarrúa na rúa Vidal Pazos.
Tras o impacto, ambos os dous vehículos sufriron danos, pero o condutor do Seat Ibiza non parou para facerse cargo destes, senón que se fuxiu. A Policía Local tivo constancia do sinistro, pero non localizou naquel momento o condutor.
Xa pola mañá, o coche do accidente apareceu estacionado noutra rúa e os axentes puideron identificar o seu condutor. Foron á súa casa, pero non o localizaron ata que horas máis tarde, sobre as 11.00 horas, o propio mozo se presentou voluntariamente na Xefatura da Policía Local. Segundo transcendeu, recoñeceu que conducía o coche sinistrado.