Avanzan a bo ritmo as obras de mellora da estrada de Almofrei
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade asegura que as obras de mellora integral da estrada de Almofrei (EP-0405) "avanzan a bo ritmo".
Este vial facilitará o acceso rodado e a seguridade vial na zona.
Nestes días as máquinas pesadas estanse encargando de levantar os muros de contención que en zonas presentan unha altura elevada e que sosteñen ás parcelas obxecto de ocupación para mellorar o ancho desta entrada de acceso.
Tamén se están levando a cabo labores de drenaxe e canalización de augas pluviais así como o achegamento de novos servizos eléctricos e de humanización do entorno.
Dende a Deputación informouse que a mellora da estrada provincial entre a Xesteira e Almofrei ten por obxecto a creación de vías seguras para o tránsito peonil, concretamente unha nova senda peonil na marxe esquerda da vía, de 2,5 metros de ancho, e zonas de convivencia onde terán prioridade os peóns naqueles tramos onde non se pode executar a senda.
A senda peonil terá unha lonxitude dun quilómetro, e nese trazado ademais limitarase a velocidade a 30 km/h e incorporaranse tres redutores de velocidade. Nas zonas de convivencia, de preto de 300 metros de lonxitude, a velocidade máxima será de 20 km/h.
Ademais, desde a conexión coa estrada autonómica PO-233, o proxecto de transformación tamén inclúe a mellora do trazado, coa aplicación dunha nova capa de rodaxe e o emprego de novos paquetes de firme para ampliar a plataforma nas zonas de convivencia. Como actuacións complementarias, a Deputación de Pontevedra tamén acometerá a mellora da drenaxe e a canalización para soterrar a rede de alumeado nas zonas de convivencia. Con isto conseguirase diminuír o consumo de enerxía, cun aforro enerxético estimado do 14% (pasando dos 42.969 kWh anuais a 37.030 kWh).
A Deputación conseguiu unha achega do IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía) dentro do programa DUS-5000 por importe de preto de 700.000 euros, polo que máis do 70% da actuación será financiada con recursos de Europa. O importe restante asúmeo a institución provincial, que achega preto de 200.000 euros, e o Concello de Cerdedo-Cotobade, que destina preto de 80.000 euros.
Relacionadas:
-
Tributo a Juan Pardo nas festas de Aguasantas
Por Oskar Viéitez |
-
A mellora da estrada entre Almofrei e Xesteira, "mostra do compromiso da Deputación coa rede de estradas provinciais"
Por Redacción |
-
A Deputación adxudica as obras de mellora integral da estrada provincial A Xesteira- Almofrei
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación mobiliza preto dun millón de euros para transformar a estrada de Almofrei
Por Oskar Viéitez |
-
O Pleno municipal desbloquea o convenio coa Deputación para mellorar a estrada de Almofrei
Por Oskar Viéitez |