Talavante sae aos ombreiros nunha tarde de touros xustos de forza, entre o toureo efectista e a arte de tourear a-mo-di-ño
Mil. Quilómetro arriba, quilómetro abaixo, metéronse entre peito e costas Alejandro Talavante e Juan Ortega en menos de vinte e catro horas para estar en Pontevedra e tras saír aos ombreiros dos Candís de Marbella. Alí a luz, ademais das velas, póñena a jet e as estrelas de toda condición. Aquí perténcelles ás peñas taurinas, que crecen en mocidade, e a unha afección foránea que tamén continúa gañando enteiros nos tendidos de San Roque. Quería pensar que ese caramelo, o triunfo traído do sur, aínda estaría pegado entre os caireles e alamares. E estaba, nos de tabaco e ouro de Talavante, repetindo éxito con outra saída aos ombreiros. Desprendéuselle ao debutante Juan Ortega. O sevillano deixou a pé San Roque, e ás súas costas, seguindo o percorrido, o peruano que segue mandando nos ruedos, Roca Rey.
Primeiro da tarde: Alejandro Talavante (tabaco e ouro) e Langosto
Abría a tarde un negro mulato de Puerto de San Lorenzo de nome Langosto. Frío de saída, sen ofender, que é marca da casa; pero o das manitas víase vir. E viuse antes de entrarlle ao do castoreño. Encima 'se rajó' buscando saír por onde entrara. E manseou dificultado a sorte suprema a Talavante que tras colocalo ata catro veces, picou e a pesar de completar o segundo intento, usou o descabello. Aplaudidos os tres pares de banderillas.
Segundo da tarde: Juan Ortega (grana e ouro) e Mitinero
En plena onda de calor a algúns nos parecía que nos empezaba a coller o frío, e non era culpa do tempo (meteorolóxico). Aquel castiñeiro claro, de nome Mitinero e primeiro de La Ventana, presaxiaba repetir os síntomas do primeiro. Co presaxio confirmado os defectos do animal se magnificaron na muleta. Nada se podía facer; ou si, para evitar algunha mala intención que sacou polo pitón dereito. Ortega recolleu o aceiro e asestou unha estocada enteira. Silencio para o destro sevillano e pitada no arrastre.
Terceiro da tarde: Roca Rey (rosa pálido, branco e ouro) e Hermético
Di o refraneiro, entre curmáns e irmáns non metas man, pero Roca meteu o capote e meteu a muleta a outro de La Ventana que non distaba moito dos anteriores. O Andrés capotero subiu o volume dos aplausos e os olés con varios lances á verónica. Cinco pares de palitroques entre a cuadrilla para poder cumprir co terzo. Armado coa muleta arriscou a baixar a altura dos quites a pesar de que Hermético dobrou varias veces as mans. Dándolle descansos e adornando quendas, chegou ao momento de perfilarse e profundar co aceiro ata a empuñadura. Soou aviso e o peruano rexeitou tocar o descabello. Primeira orella da tarde.
Cuarto da tarde: Talavante e Aclarado.
Último de La Ventana del Puerto. O mellor do estremeño estaba por chegar. Tres farois por saúdo. Unha entrada ao cabalo, mellor non abusar. Aclarado tamén fallaba de mans e por momentos de cobardeo. Oito derechazos de xeonllos mirando ao público e un "imos!" para recuperar temperatura. Quentou as mans e o ánimo da afección durante cinco quendas que pechou tirando os trastes e plantándose na cara do touro. Non se baleiraba o estremeño que seguiu pasándollo desde atrás, con manoletinas e peche ao desprezo. Acertou co estoque e o público en pé pedía dúas orellas. Asomaron os dous panos desde o balcón de presidencia.
Quinto da tarde: Juan Ortega e Fardero
Quinto e Ortega enfrontábase ao dobre ou nada para subirse aos ombreiros. Se co cuarto viuse o mellor de Talavante no quinto saboreouse o mellor da tarde, aínda que non houbese orellas. Que non haxa présa que o bo toureo cocíñase e degústase a-mo-di-ño, con boneca lenta. E así despregou molinetes, derechazos, cambiados moi moi sostidos no tempo, doblones, o circular invertido, pases ao natural. E a Fardero que lle fallaban...?, correcto!. O trianeiro picou na sorte suprema e o balconcillo presidencial ditou sentenza. Á segunda, unha estocada enteira de consolación. Por premio, os aplausos.
Sexto da tarde: Roca Rey e Farderito
Postos no último da tarde, as mans do peche salmantino xa eran tradición. Saudou a Farderito con mandís. Na muleta, ante a falta de compañeiro para fiar faena, sacou toureo efectista co inimigo - que humillaba pero non tiña percorrido -, a base de pases de xeonllos e, próximo a táboas, coa mirada nos tendidos peñistas. Media estocada e descabello fulminante. Público agradecido en pé que aplaudiu a faena e pitos no arrastre.
Máis de tres cuartos de praza enchéronse no primeiro festexo da Feira. No canellón, o gandeiro José Juan Fraile Maceín e o seu pai Lorenzo Fraile, seguiron o devir da tarde. Fraile Maceín sentía "satisfeito dunha corrida que tivo condiciones" pero onde "as espadas quitaron triunfos". A choiva non cae ao gusto de todos.
Primeiro festexo da Feira da Peregrina
Primer festejo de la Feria de la Peregrina con Alejandro Talavante, Juan Ortega y Roca Rey
© Mosrey Fotografía
A túa imaxe no primeiro festexo da Feira da Peregrina
Ambiente e público asistente na Feira da Peregrina 2024
© Mosrey Fotografía