Susto en Eduardo Pondal pola gran fumareda causada por un incendio nun restaurante chinés
Por Diego Torrado & Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Os veciños da rúa Eduardo Pondal tiveron un pequeno susto ante a gran fumareda orixinada por un incendio.
Sucedeu sobre as cinco da tarde este xoves. Nun principio os veciños descoñecías a orixe do lume aínda que saía unha gran fumareda pola cheminea dun dos edificios.
Cando chegaron os bombeiros os residentes no edificio número 3 desta rúa xa descartaran que houbese chamas nalgún dos pisos, o garaxe ou nos rochos, de modo que os profesionais do servizo de emerxencias dirixíronse ao restaurante de comida chinesa Hong Kong situado no baixo comercial.
Houbo que romper a porta para acceder ao interior xa que o restaurante estaba baleiro.
Nada máis abrir o local saíu unha forte fumareda.
Os bombeiros traballaron durante dúas horas no lugar do suceso. Non foi necesario levar a cabo ningún desaloxo pero a Policía Nacional e a Local cortaron o tráfico neste tramo da rúa Eduardo Pondal para facilitar o operativo de extinción.
Segundo o Concello, está a realizarse a ventilación do establecemento, un labor que resulta dificultoso e lento debido ás características do restaurante.
FUGA DE GAS EN VALDECORVOS
Por outra banda, ás 15.30 horas, os servizos municipais tiñan constancia dunha fuga de gas na zona de Valdecorvos, na rúa Prado Novo.
Desplazáronse até alí os bombeiros, que utilizaron auga pulverizada por precaución, segundo informa o Concello de Pontevedra.
Unha vez detectada a filtración, desprazouse un técnico de Naturgy para proceder ao seu arranxo.
Foi necesaro cortar o gas en distintos puntos da rede por seguridade.