Detido un home por unha agresión sexual durante o concerto deste domingo das Festas da Peregrina
Un home de 27 anos foi detido este domingo por axentes da Policía Local por un posible delito de agresión sexual.
Segundo informa o Concello de Pontevedra, o suceso produciuse durante o concerto do rapeiro Delaossa que se celebrara na Praza de España.
A Policía Local informou que o home realizáralle, presuntamente, diversos tocamentos sen consentimento a tres mozas que gozaban do concerto, dúas delas menores de idade, o que provocou un breve enfrontamento con outras persoas do público, intre no que interviron con premura os vixiantes presentes.
O suposto autor dos tocamentos foi levado a unha zona segura fora do público por axentes da Policía Local que se encontraban na mesma Praza de España e que responderon a chamada do corpo de seguridade do espectáculo.
Os axentes tamén se entrevistaron coas rapazas afectadas que explicaron como o home en cuestión lles levantara a saia en diversas ocasións, ademais de tocarlles os glúteos sen ningún tipo de consentimento.
Ao haber dúas menores de idade entre as tres vítimas, contáctase cos seus titores, que se presentan no lugar dos feitos logo de coñecer a situación, transmitindo a súa intención de denunciar o acontecido na Policía Nacional. Segundo confirma o Concello de Pontevedra, unha das nais acudiu na mesma noite do domingo e presenta a denuncia.
O home foi detido e posteriormente trasladado a dependencias da Comisaría da Policía Nacional para realizar a súa comparecencia.
Desde o Concello de Pontevedra lémbrase que este tipo de situacións son "deplorables " e serán perseguidas con todos os medios dispoñíbeis.
Neste caso, o goberno local quere transmitirlle os seus parabéns ao corpo de seguridade do concerto pola súa "rápida e exemplar actuación", ao público por poñer en coñecemento o sucedido, e aos axentes da Policía Local "que en apenas uns minutos desde ter coñecemento dos feitos detiveron ao presunto agresor sexual".
Relacionadas:
-
Detido un home en Poio por un presunto delito de violencia de xénero
Por Almu Dapena |
-
O feminismo pontevedrés chama a protestar na rúa este sábado pola agresión sexual durante un concerto
Por Natalia Puga |
-
A Policía Nacional detén un home por unha navallada durante unha pelexa na rúa Serra
Por Oskar Viéitez |
-
Delaossa contaxia música urbana con lirismo nas Festas da Peregrina
Por Mosrey Fotografía & Anxo Lourido |
-
Despregadura policial e sanitaria sen precedentes para a Semana Grande
Por María José Pita & Cristina Saiz |
-
Susto en Eduardo Pondal pola gran fumareda causada por un incendio nun restaurante chinés
Por Diego Torrado & Oskar Viéitez | Creada e actualizada