"O activismo de redes sociais é marabilloso, pero é moi importante manifestarse na rúa"
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
O vindeiro sábado 10 de agosto, ás 20 horas, sairá da Praza da Peregrina a manifestación antitouradas en protesta pola organización da Feira da Peregrina con dous corridas programadas para esa mesma xornada e a do día seguinte.
O colectivo Touradas fóra de Pontevedra convoca esta mobilización que conta co apoio doutros colectivos animalistas coma Irmandade Antiespecista, Loita Raposa e Activistas Galegas Antiespecistas (AGA).
As súas representantes compareceron este martes nunha rolda de prensa diante do coso de San Roque para convocar á cidadanía a que participe activamente nesta manifestación na que se leerá un manifesto a cargo de Violeta Mosquera, integrante do grupo Bala e pregoeira das Festas da Peregrina no ano 2021.
"Reivindicamos que a praza da tortura de Pontevera deixe de existir como tal, que a Xunta e o Goberno central muden as leis de benestar animal donde excluen os touros e polo tanto as touradas", afirmou a voceira de Touradas fóra de Pontevedra, Vicky Estévez. "Isto non ten sentido ningún, e ningún sitio do mundo, e en Galiza ainda moito menos porque non somos un país taurino para nada", engadiu.
Esta portavoz sinalou que "o activismo de redes sociais é marabilloso, pero é moi importante manifestarse na rúa" polo que fixo un chamamento á cidadanía a participar na protesta.
Vicky Estévez tamén informou que nestes colectivos animalistas "estamos moi contentas" porque, despois de manter unha reunión co Concello de Pontevedra, conseguiron que este ano non se instale publicidade da Feira taurina nas rotondas da cidade.
Touradas fóra de Pontevedra insta tamén ao Concello de Pontevedra a renunciar ao uso da praza de touros durante os festexos da Feira Franca, sinalando que existen suficientes ideas alternativas ao emprego deste recinto. Ademáis tamén están en contra do torneo medieval "porque lembramos que o que se fai aquí tamén é o maltrato de cabalos", porque participan eses animais no espectáculo da xusta.
Argumentan que con esta ocupación do coso durante unha xornada xustifica o goberno local manter un contrato de arrendamento. Aínda que recoñecen que se trata dunha cantidade que non permite financiar as corridas na súa totalidade, recalcan que "canta máis presión se lle faga cortándolle os cartos, estará bén" e lembran que Pontevedra declarouse como "municipio antitaurino" en 2018.
O venres, na véspera da manifestación, organizarán una vixilia "para concienciar e informar á xente" e o sábado, antes do inicio da marcha, tamén na Praza da Peregrina, estos colectivos recollerán sinaturas para a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que quere derrogar a Lei 18/2013 de patrimonio cultural da tauromaquia. A principios de febreiro, a Mesa do Congreso admitiuna a trámite e agora dispoñen de nove meses de prazo para reunir un total de 500.000 firmas co fin de que se poida iniciar a súa tramitación na Cámara do Congreso dos Deputados.