Morre Luciano Fariña, conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia
Por Redacción
Luciano Fariña, conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia, faleceu na noite deste martes no Hospital Provincial de Pontevedra aos 68 anos de idade, vítima dun cancro detectado hai seis anos.
Fariña, nacido en Cambados, era licenciado en Dereito, inspector xefe da Axencia Tributaria en Pontevedra, e conselleiro maior dende o 8 de setembro de 2010, aínda que xa exercera este cargo no Consello de Contas nun anterior mandato con Manuel Fraga de presidente da Xunta.
Como conselleiro maior, Fariña alzárase como defensor do Consello de Contas, de forma que o pasado mes de xullo enviara á Vicepresidencia do Goberno unha misiva para rexeitar a proposta de supresión deste órgano de carácter estatutario e na cal negaba a existencia de duplicidades co Tribunal de Contas.
Os restos de Luciano Fariña son velados no tanatorio San Mauro, en Pontevedra, e o enterro e o funeral serán este xoves ás 12.30 horas na basílica de Santa María.