Ferida unha veciña de Cambados nunha saída de vía
Por Redacción
Segundo informa Protección Civil de Cambados, ás 7.20 horas deste mércores rexistrouse un accidente de tráfico na PO-300.
O suceso consistiu nunha saída de vía. Como consecuencia do impacto contra a cuneta resultou ferida Mercedes M.C. veciña de Cambados de 58 anos. Presentaba dor cervical e un traumatismo polo cinto de seguridade.
Non é o único sinistro vivido nas últimas 24 horas nas estradas da comarca.
O martes ás 10.48 horas na N-550, ao seu paso pola parroquia de Salcedo, produciuse unha colisión frontal entre un turismo e unha bicicleta que manexaba un menor de idade. Unha ambulancia asistencial do 061 trasladou a un menor ao Hospital Domínguez de Pontevedra.
Segundo informa o 112, outro accidente con feridos viviuse nesta mesma estrada ás 11.27 horas do martes en Barro, xusto no cruzamento do vial cara a Moraña. Foi necesario trasladar unha persoa en ambulancia asistencial ao Hospital Domínguez de Pontevedra.
O parte complétase cunha colisión entre dous vehículos ás 12:53 horas na ensenada do Vao, na Revolta, Sanxenxo. Neste caso non houbo feridos pero un dos turismos implicados saíuse da estrada precipitándose por un terraplén.