![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/1c4/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/66a8f0779b-img_4241.jpg)
© Delegación do Goberno en Galicia
As comisarías de Pontevedra, Marín e Vilagarcía dan a benvida a 20 policías en prácticas
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/402/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/66a8f04e7e-img_4232.jpg)
© Delegación do Goberno en Galicia
As comisarías galegas dan a benvida a 117 axentes e inspectores da Policía Nacional que se incorporan en prácticas, un aumento das plantillas que implica que Galicia chega ao máximo histórico de efectivos.
A todos estes axentes deulles a benvida este martes o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, nun acto en Vigo.
Entre eles, había 20 que traballarán en Pontevedra e na súa área de influencia. En concreto, 12 en Pontevedra, 4 en Vilagarcía de Arousa e 4 en Marín, ademais doutros 23 en Vigo.
Durante a fase de prácticas, de once meses de duración, os policías obterán o nivel de profesionalización requirido para o desenvolvemento das funcións propias da categoría de policía.
Para iso, prestarán servizo nas brigadas de seguridade cidadá, policía xudicial, estranxeiría e fronteiras, policía científica e información, así como na oficina de denuncias. Unha vez superado este período de prácticas, os axentes xa se incorporarán aos seus primeiros destinos laborais.
Pedro Blanco puxo en valor o esforzo económico e orzamentario do Goberno de Pedro Sánchez para recuperar a perda de efectivos dos anteriores anos con convocatorias que recollen unha taxa de reposición do 125%.
O delegado tamén puxo en valor as medidas levadas a cabo para favorecer a incorporación das mulleres e engadiu o compromiso "pola mellora material, técnica e de infraestruturas da Policía Nacional, e, por suposto, a necesaria formación e innovación, para ir sempre un paso por diante da delincuencia".
Ao comezo do acto, gardouse un minuto de silencio en memoria dos mariñeiros falecidos no naufraxio do buque Argos Georgia e o delegado tivo palabras de recordo e aprecio para o conxunto da tripulación do buque e para as súas familias.