Dorrón poderá estrear o seu novo campo de fútbol a mediados de agosto
Por Redacción
Mediados de agosto. Esa será a data na que se prevé que estean terminados os traballos do novo campo de fútbol de Dorrón, en Sanxenxo, unha vella demanda da parroquia que custou un millón de euros.
A previsión confirmouna este venres o alcalde, Telmo Martín, durante unha visita ás obras. Tras coñecer as novas instalacións sinalou que no Goberno local están "moi contentos" coa recta final da actuación.
Martín lembrou que foi un inverno "duro e de moita choiva" que atrasou remate das obras e, botando a vista atrás á historia deste proxecto, valorou que resultou "un acerto" paralizar a obra no seu momento para ter agora este campo.
A empresa concesionaria do ciclo da auga foi a encargada da realización destas novas instalacións, que roldan o millón de euros, como compensación polo canon xerado no anterior contrato, entre o 2020 e o 2023.
A obra contempla a dotación de céspede de última xeración para a práctica de fútbol 11 e 7. Ademais, acondicionouse a parcela exterior do campo como estacionamento.
O terreo de xogo conta con céspede sintético de base elástica homologado pola FIFA, cunha rede de rega con seis canóns de rotación lenta e constante con 10 estacións.
A iluminación do campo de fútbol 11 realízase con torres de 20 metros de altura e cinco proxectores para conseguir unha iluminación óptima para a práctica do fútbol. Colocáronse redes recolle balóns nos fondos do campo cunha altura de 6 e 4 metros nos fondos de fútbol 7.
Relacionadas:
-
A primeiros de agosto finalizarán as obras do campo de fútbol de Dorrón
Por Redacción |
-
O campo de fútbol de Dorrón e o pavillón de Vilalonga chegarán renovados á primavera
Por Redacción |
-
Ritmo frenético de obras en Sanxenxo na recta final do ano
Por Redacción |
-
A reforma do campo de fútbol de Dorrón vai tomando forma
Por Redacción |