Soutomaior instalará sistemas de aerotermia nos seus campos de fútbol
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/364/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/66a3ba1b6d-manu-lourenzo-e-pablo-garrido-no-campo-do-soutomaior-.jpeg)
© Concello de Soutomaior
O Concello de Soutomaior destinará 115.000 euros á mellora dos campos de fútbol Graciano Padín e do Salgueirón.
As intervencións inclúen a substitución das caldeiras de gasoil por un sistema de aerotermia máis eficiente enerxéticamente, así como a mellora do acceso ao campo de fútbol de Soutomaior.
En concreto, instalarase un sistema de aerotermia cun depósito de acumulación auxiliar e dous aerotermos en serie, garantindo así unha temperatura homoxénea de 60 graos no último depósito.
Este sistema será implementado nas tres caldeiras dos tres vestiarios afectados: dous do Arcade e un do Soutomaior. A instalación de agua quente sanitaria utilizará unha bomba de calor que absorbe a enerxía térmica do aire, proporcionando unha solución enerxética eficiente.
O goberno local recibiu unha subvención de 55.000 euros proveniente do Fondo de Cooperación Local, destinado a concellos con poboación inferior a 15.000 habitantes, para financiar parte destas melloras.
Ademais, nos vindeiros meses, realizaranse traballos para mellorar o acceso ao campo de fútbol Graciano Padín, que implicarán melloras tanto no acceso como nas instalacións do propio campo.