A illa de Ons rexistra os primeiros cheos da tempada
Por Redacción
A Illa de Ons, a segunda illa con máis demanda do Parque Nacional das Illas Atlánticas, colgou o cartel de completo para os próximos días incluíndo este xoves 25 de xullo coincidindo coa celebración do Día de Galicia.
As 1.300 prazas dispoñibles foron reservadas de forma anticipada polos viaxeiros, poñendo de manifesto unha tempada máis, que o Parque Nacional é un dos destinos máis demandados na comunidade galega durante os meses de verán, e a previsión é que se vaia completando cada día ata finalizar a tempada.
A día de hoxe, son máis de 26.000 persoas as que xa realizaron a súa reserva para gozar durante este mes de xullo da Illa de Ons, segundo datos da Central de Reservas da Xunta de Galicia.
As Illas Cíes seguen co cartel de completo durante o próximo mes, ata o 25 de agosto non quedan prazas dispoñibles para viaxar ao arquipélago.