Todo a punto na Praza de Fonte de Ramos para acoller a feira Ofeitoaman Sanxenxo
Por Redacción
A feira de artesanía Ofeitoaman Sanxenxo abrirá ao público o vindeiro 2 de agosto e permanecerá aberta ata o 25 de agosto.
A proposta trasládase este ano do Paseo de Baltar á Praza de Fonte de Ramos en Sanxenxo, a un paso do Paseo de Silgar, con horario de 12 a 14 e de 19 a 24 horas, todos os días.
A inauguración oficial terá lugar o sábado 3 de agosto, cun percorrido polas distintas casetas da feira, a partir das 12 da mañá.
Un total de 21 obradoiros artesáns galegos e de fóra de Galicia exporán as súas creacións para sumarse a oferta de turismo de calidade do Concello de Sanxenxo.
A Praza de Fonte de Ramos encherase durante os 24 días de feira de creacións con nome e apelidos, dos oficios de xoiería e pratería, madeira, artigos de coiro, roupa e complementos, bixutaría, calzado, cerámica, vidro, esmaltes, pedra ou instrumentos musicais.
O cartel da feira recupera unha versión ilustrada da icónica Madama de Silgar, realizada polo ilustrador Javier Fernández Carrera, Pinturero.
A Asociación Galega de Artesáns é a entidade que xestionará esta feira logo da concesión do concurso público para a súa organización, impulsado polo Concello de Sanxenxo.