Activan unha campaña en Sanxenxo para fomentar o consumo responsable de auga
Por Redacción
"Está na túa man, pecha a billa cando toca" é o lema da campaña que puxeron en marcha o Concello de Sanxenxo e Espina & Delfín, empresa concesionaria do servizo de auga, para fomentar o consumo responsable de auga entre a cidadanía.
O obxectivo desta iniciativa é concienciar os veciños da importancia de realizar un uso adecuado dos recursos naturais.
Esta mensaxe de sensibilización difundirase a través de carteis informativos que se colocarán nos edificios municipais, nas instalacións do servizo municipal de auga, nas redes sociais e páxinas web de ambas as entidades.
A escaseza de precipitacións e as elevadas temperaturas provocan, segundo sinala o goberno municipal, que para poder manter as reservas hídricas durante o período vacacional é importante realizar un consumo eficiente da auga potable.
Durante 2023, en Sanxenxo o consumo medio mensual foi de 188.568 metros cúbicos. Esta cifra superouse desde xuño ata setembro e alcanzouse o pico de maior consumo de auga en agosto, con 376.839 e en xullo, 335.324 metros cúbicos.
Pola contra, os meses de menor consumo foron febreiro de 2021 (102.351 metros cúbicos), novembro de 2022 (73.383 metros cúbicos) e febreiro de 2023 (112.591 metros cúbicos).
Esta campaña incide en consellos sinxelos e prácticos para aforrar auga como pechar a billa mentres nos cepillamos os dentes, ducharse en lugar de bañarse, non usar o retrete como papeleira e utilizar a lavadora e o lavalouzas con cargas completas.
Tamén hai que ter precaución con actividades típicas desta época e, por exemplo, reducir o uso de auga para encher piscinas, lavar vehículos e regar os xardíns, así como pechar a chave de paso de auga da vivenda se se abandona por vacacións.