Retiran o muro que dividía Arcebispo Xelmírez, que pasará a ter plataforma única
Por Alejandro Espiño
Operarios da empresa Elsamex, responsable do contrato de mantemento dos espazos públicos urbanos, xa están a traballar na mellora da rúa Arcebispo Xelmírez, que se atopaba dividida por un muro e precisaba dunha solución para a correcta canalización de augas e pluviais.
A actuación prevista nesta rúa, perpendicular a María Victoria Moreno, permitirá eliminar esa separación física que provocaba o muro e crear unha calzada con plataforma única, finalizando cunha actualización case integral de todo o espazo.
Así, a primeira fase destes traballos consistiu na execución dunha beirarrúa continua en formigón varrido no marxe oeste, a habilitación de canalización de alumeado e outra de reserva, aparte da construción dun colector de pluviais ao longo dos 100 metros da rúa.
Na segunda fase, que é a que se está executando nestes momentos, comprobáronse todas as redes soterradas e, comprobada a posibilidade de eliminar o muro e rehabilitar a sección transversal nunha única rasante, demoleuse a estrutura.
Agora se está procedendo ao reperfilado da sección para reasfaltar toda a zona de rodadura nunha única sección e se ampliou a rede de pluviais executada na primeira fase para dar servizo e conexión de pluviais a todas as parcelas da parte leste da rúa.
O acabado final deixará toda a zona como rúa de coexistencia, con casi toda a súa sección ao mesmo nivel, agás o treito inicial onde non se pode eliminar o muro de contención.