O Concello de Soutomaior critica a subida "unilateral" do canon de Sogama
Por Redacción
A decisión de Sogama de incrementar o canon da empresa pública de residuos a 118 concellos foi criticada este martes por parte do Concello de Soutomaior.
"A Xunta castiga a aqueles concellos que, como Soutomaior, tentamos facer as cousas ben e estamos levando a cabo medidas para mellorar a separación de residuos durante ou proceso de recollida de lixo", lamenta o alcalde, Manu Lourenzo.
O rexedor asegura ademais que con esa decisión "o único seguro agora mesmo é que con esta medida da Xunta a que vai saír perdendo unha vez máis é a veciñanza de Soutomaior, que terá que pagar os sobrecustes dunha xestión ineficiente".
De feito, incide Lourenzo, "desde hai anos en Soutomaior o servizo de recollida de lixo é deficitario, tanto para as arcas municipais como no servizo que se presta á veciñanza".
"Debido á xestión ineficiente realizada fai anos polo anterior grupo de goberno á hora de negociar a contratación deste servizo, a próxima licitación do contrato de recollida de lixo traerá aparellada de maneira obrigada unha suba do recibo. Se a isto sumamos o incremento do canon de Sogama que a Xunta ten previsto impoñer, van ser os nosos veciños e veciñas os principais prexudicados", engadiu.
Ante esta situación o Concello de Soutomaior insta á Xunta de Galicia a que reconsidere a medida e sente a negociar cos municipios afectados na busca de consenso na xestión dos residuos.