Os cadros de luz da cidade contarán anécdotas e historias sobre a Boa Vila
Por Alejandro Espiño
Ata trinta e un cadros de luz repartidos por toda a cidade pasarán a contar anécdotas, singularidades e historias da Boa Vila. Formarán parte dunha intervención deseñada para mellorar a imaxe deste tipo de elementos, que foron renovados recentemente.
Dez destes cadros xa teñen un deseño creado por Polo Correo do Vento e comezarán a ser decorados nos próximos días.
Nesta primeira quenda, serán colocados os vinilos nos cadros de luz de Andrés Muruais, Augusto García Sánchez (x2), Gutiérrez Mellado, Echegaray, García Camba, Paseo de Colón, Praza de Galicia e Raíña Vitoria.
A medida que se fagan os novos deseños serán colocados nas súas respectivas localizacións.
A intención desta iniciativa, segundo o edil de servizos básicos urbanos, Xaquín Moreda, é que estes cadros de luz teñan un novo uso informativo e divulgativo, "máis aló de ser caixas cun uso técnico e sen atractivo ningún".
"Detectamos que moitas das caixas dos cadros eléctricos estaban pintadas e maltratadas, ofrecendo unha mala imaxe", subliñou Moreda, que confía en que esta acción disuada de que produzan ataques vandálicos no futuro.
Os deseños de todos estos cadros de luz contarán anécdotas e singularidades sobre Pontevedra, aportarán datos históricos ou porán a pé de rúa distintos persoeiros con relevancia na Boa Vila.
Cada caixa contará cun deseño único no que, ademais, se achegará información próxima en relación coa rúa ou co barrio onde está situado o elemento en cuestión.
Os deseños xa elaborados narran historias como a do antigo Hotel Colón, a do 'trole' a Marín, a de Eduardo Dapena "Cholo", a do Rei Urco, a da estación vella do tren, a de Alejandro Sesmero, a de Ernestina Otero, a da Casa dos Fonseca, a dos cines históricos, a do Sanatorio Poza, a de Concepción Arenal, a da antiga cárcere da Parda ou a da mansión do Marqués de Riestra.