Sanidade aumenta a máis de 12 de millóns o contrato para as ambulancias da área sanitaria
Por Redacción
Tras quedar deserta a última licitación, Sanidade decidiu elevar ata case 12,12 millóns de euros o valor do contrato para cubrir o servizo de ambulancias na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Cubrirá o transporte sanitario non urxente e o hospitalario urxente.
Este novo contrato, que terá un período de duración de dous anos, prevé 43 ambulancias para dar cobertura a toda a área sanitaria, segundo recollen os pregos de licitación. Haberá ademais unha posibilidade de prorrogar o contrato por unha terceira anualidade.
A Xunta estima que en cada ano de contrato faranse 101.000 servizos.
Os servizos a realizar serán o transporte interhospitalario para probas e consultas, as altas e ingresos hospitalarios, os traslados urxentes interhospitalarios, os traslados de tratamentos e consultas programadas e os traslados fóra de Galicia como consecuencia da asistencia sanitaria en centros referentes a nivel nacional en certas patoloxías, técnicas ou tratamentos.
Son os criterios médicos os que determinarán mediante prescrición que pacientes son os usuarios das ambulancias asistenciais ou non asistenciais e as características técnicas e o equipamento sanitario preciso en función das necesidades do doente.
Estes contratos incluirán a actualización dos salarios (13% para os anos 2023, 2024 e 2025), ademais da redución horaria de 8 horas en 2024 e outras 16 horas en 2025.
Así mesmo, recóllese un aumento das dietas, do plus de transporte e das retribucións de festivos e días especiais, entre outros incentivos.
Todos os servizos de transporte sanitario dos pacientes destas áreas sanitarias deberán realizarse no menor tempo posible, pola ruta máis adecuada e nas mellores condicións técnico-sanitarias e de confort para os doentes.
Para conseguir este obxectivo, as empresas adxudicatarias deberán levar a cabo xuntanzas periódicas co Servizo Galego de Saúde co fin de planificar as rutas máis idóneas.
As rutas adaptaranse en función das localidades e domicilios dos pacientes e aos horarios de recollida, tratamentos e presenza dos enfermos nos centros sanitarios e a súa localización.
Cada unha das ambulancias notificará vía telemática, a tempo real, todos os cambios de estado e os tempos solicitados.
A comunicación dos pacientes trasladados realizarase mediante un sistema de lectura da tarxeta sanitaria. No suposto de que non poda utilizarse este sistema, os datos do paciente deberán de ser mecanizados igualmente.