Comeza a reforma integral dos baños de infantil no CEIP de Lourido
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Xa comezaron as obras para reformar os baños de infantil do CEIP de Lourido. Esta actuación, que se está a facer cunha achega da Xunta e con fondos propios do Concello, suporá o arranxo íntegro dos tres aseos das aulas de infantil, que están na planta baixa do centro.
As obras consisten en demoler os actuais alicatados e desmontar o sistema de fontanería, así como os aparatos sanitarios e as baldosas para a súa posterior reposición.
Ademais, cambiaranse as portas e substituirase a actual tubaxe de fundición, moi deteriorada polo tempo, por unha nova acometida de abastecemento de auga.
Por último, crearase tamén un acceso directo ao baño desde a aula de 3 anos para evitar que o alumnado teña que saír da clase.
Nesta liña, o Concello de Poio realizará este verán labores de mantemento en todos os centros escolares do municipio, se ben hai actuacións que precisan do investimento autonómico.
Así, tamén con fondos da Xunta de Galicia, este verán actuarase no CEIP Isidora Riestra, onde se vai substituír definitivamente a uralita e solucionar os problemas que se repetían cada inverno coa chegada das choivas.
No IES de Poio, pola súa banda, vanse cambiar os silos de calefacción antigos de subterráneos a aéreos para evitar que o pellet se estropee coa humidade.