Os vilagarciáns depositaron máis de 9.000 quilos de aceite alimenticio usado en colectores de reciclaxe
Por Redacción
Os veciños de Vilagarcía depositaron nos colectores de reciclaxe de aceite de uso alimenticio 9.215 quilos desta substancia que, segundo expón en concello arousano, evitou a contaminación de máis de 10 millóns de litros de auga.
O municipio conta con 16 colectores específicos para este aceite dende o ano 2009 e, desta forma, evítase desfacerse destes residuos oleaxinosos polos desaugadoiros e impide que o aceite se mesture con auga que, a través da rede municipal de saneamento, chega á estación depuradora de Ferrazo. Desta forma, o tratamento realízase de forma máis rápida e con menor custo. Os colectores que máis aceite recolleron están situados no centro urbano.
Unha vez recollidos os residuos, o aceite de cociña usado transpórtase a unha planta de reciclaxe para a súa posterior transformación en biodiésel, un biocombustible vexetal que contribúe á conservación do medioambiente, xa que é renovable e non produce emisións de xofre. Este biocombustible pode ser usado por calquera vehículo diesel convencional sen neccesidad de modificacións mecánicas.