Cuntis pechou o ano 2023 cun saldo positivo de máis de 600.000 euros
Por Redacción
O Concello de Cuntis pechou a Conta Xeral correspondente ao ano 2023 cun saldo positivo que ascende a un total de 688.926,47 euros. Así consta nos informes técnicos, que, precisamente, abórdanse Comisión Informativa de Facenda, previo ao seu paso polo Pleno.
O goberno local sinala que a Conta Xeral "constata a xestión eficiente e efectiva de recursos ao longo do pasado exercicio". O documento tamén recolle que o Remanente de Tesourería do pasado exercicio ascendeu a 442.156,44, incrementándose de forma considerable con respecto á conta de 2022.
O alcalde, Manuel Campos, salienta que as cifras que recolle a Conta Xeral de 2023 "demostran ás claras que a senda de mellora e de boa xestión que levamos a cabo desde o Goberno local está a dar os seus froitos".
Tal e como enfatiza o rexedor cuntiense, "os informes técnicos corroboran que somos unha Administración fiable e eficiente na xestión dos recursos públicos. No que levamos de mandato fomos quen de mellorar a situación económica do Concello e todo isto sen renunciar a continuar garantindo e mellorando a prestación de servizos á veciñanza".
Cuntis mantén conxelados desde hai case dúas décadas os seus impostos. O IBI permanece nun 0.45, logo da rebaixa aprobada no ano 2016, mentres que o Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM, coñecido como ‘viñeta’), o ICIO e o IAE levan sen modificarse desde 2006.
Manuel Campos reafirmou o compromiso do goberno local a "seguir traballando nesta liña para continuar consolidando esta eficacia na xestión económica" que reflicen os datos económicos do pasado exercicio, que, tal e como sinala o alcalde, "deixan en evidencia certos descursos catastrofistas".
REDUCIÓN DO PARO
Outro dato positivo a salientar en Cuntis é que no primeiro semestre do ano acadouse a taxa de paro máis baixa en practicamente 15 anos. A día 30 de xuño o municipio contaba con 193 persoas en situación de desemprego. O descenso foise consolidando nos últimos anos, coa salvedade de 2020, exercicio totalmente condicionado por mor da situación derivada da pandemia da COVID-19.
A principios do verán de 2015 o número de veciños sen traballo era de 331. Deste xeito, en sete anos o descenso foi de máis do 36%.
O alcalde lembra que as competencias que teñen os Concellos para fomentar o emprego son limitadas, pero resalta que "imos continuar achegando ferramentas, iniciativas e programas que axuden á veciñanza a contar cunha mellor preparación e formación, sen esquecer o asesoramento a persoas que estean interesadas en emprender. Isto é algo que podemos facer grazas ao Centro de Formación de Emprego do polígono da Ran", finalizou, ao tempo que se mostrou confiado en que "a taxa actual de paro, que non chega ao 11%, pode reducirse aínda máis".